Artigos


Fagamos que o planeta xire arredor das persoas e non dos cartos.

Eu son unha  rapaza de 16 anos e cada día, como todos os cidadáns , leo e escoito as noticias  nos xornais  ou na TV. Cal credes que son os temas predominantes? Pois o diñeiro, e  perseguíndoo os corruptos, temas que se presentan  como as grandes preocupacións do país: a prima de risco, a burbulla inmobiliaria,  a especulación, as contas en Suíza, os sobres en negro,  a evasión de impostos, os bancos malos e os bancos bos, o rescate da banca... Resumindo: cartos,cartos e máis cartos.  Parece obvio  que este é o baremo para medir a saúde do noso país e  queda claro  que non é a mocidade a responsable desta catástrofe.  Por iso, non vexades que impotencia e xenreira me produce, cando eses mesmos periodistas, analistas, políticos e incluso  algúns profesores, falan  mal da mocidade.
Desde que me anotei na  actividade do Parlamento Xove decidín ir apuntando aquelas  afirmacións que se escoitan nos distintos medios. Velaí vai unha mostra: os xoves de hoxe en día son irreflexivos e egoístas, Os mozos españois  teñen a síndrome de Peter Pan,  a xuventude perde o tempo conectada ás redes sociais,Twiter, Facebook, Twenti... aos rapaces fáltalle o espírito de sacrificio.  Podería seguir case ata o infinito, porque a lista é moito máis ampla, pero abonda con estes exemplos.  Realmente  pensades que  os mozos e mozas  somos así? Non credes, coma min,  que  estas   afirmacións son  parcialmente falsas, sesgadas e moitas veces interesadas?
Eu creo firmemente que a maioría das mozas e mozos somos xente bastante sa e responsable,  polo menos, na mesma proporción en que o son os adultos, e que ademais somos moitos os rapaces concienciados e mesmo desesperados pola tesitura na que nos  atopamos  e da que non somos culpables.
         Afirmar que a xuventude é irresponsable, que vive de costas á crise e que non evoluciona cara a un consumo máis racional, sería o mesmo que afirmar que os políticos son corruptos, os banqueiros ladróns, os profesores incompetentes, os médicos neglixentes.... Porque haber hai destes perfís en todos os colectivos.
Se realmente os nosos dirixentes cren que a situación dos mozos é tan crítica. Por que non nos ensinan a ser austeros predicando co exemplo?  Por que non inxectan cartos  no Ensino e na Cultura como se dun banco se tratase? Pois semella que pola mesma razón  que permite que moitos nenos no mundo pasen fame ou sexan escravos. Porque o eixo do noso mundo son os cartos e non as persoas.
 Eu estou persuadida, que agás excepcións, a mocidade está  alerta, informada, activa, e  nalgúns casos  deprimida pola falta de perspectivas que se nos ofrece,  e  é por iso  que necesitamos  reforzos, moitos estímulos positivos para non caer na apatía ou na desesperación. Porque, que credes que se nos pasa pola cabeza cando escoitamos que hai que marchar de España para poder traballar? Que non podemos rematar a nosa formación por falta de cartos? Que temos que regresar a casa dos pais con 30 anos?
    E finalizo cunha  proposta: e se probásemos a cambiar  o eixo do planeta,  e que en vez de xirar arredor dos cartos,  xirase arredor das persoas? Eu creo que  desta maneira o consumo responsable non estaría en discusión e este debate non sería preciso.


Sandra Díaz Seoane


O pano que cobre os ollos da mocidade

Desafiuzamentos, prima de risco, Bolsa, aumento do IVE…CRISE. A realidade do noso país é, desafortunadamente, esta. As noticias a diario son ocupadas por reportaxes que levan de tema principal a crise mundial que sega coma se de unha fouce se tratase, a economía de España.
Porén, cando moitas veces saio á rúa, un mundo paralelo á realidade que vexo na televisión golpéame tan forte coma o vento do nordés. Rapaces e rapazas camiñan, de tenda en tenda e suxeitando nas súas mans bolsas e bolsas de roupa, zapatos e demais produtos, sen deixar de lado o seu smartphone de última xeración, iso si, que cambian a miúdo, xa que aínda me lembro cando eran as “Blackberries” os móbiles que empregaba a…, atrévome a dicir, maioría dos rapaces da miña idade, e que agora xa son reemprazadas por outros, mellores, e máis caros. Todo é caro. Pero é a moda, non si? Haberá que seguila, non? Tanto dá se chove ou se non, se vai frío ou calor, poñémonos unhas botas de auga de 150 euros, que é o que se leva, ou uns zapatos de tea de marca, para coller un arrefriado. Ou acaso vou eu deixar de estar á última tendencia porque o país estea en crise, ou aínda que sexa só por un sentimento de solidariedade ante aqueles rapaces e rapazas que por desgraza non teñen un teito onde durmir?                                                                     
Pero hai moito detrás de cada situación, aínda que o grande imán que crea unha xuventude cada vez máis consumista é a publicidade, unida ao gran poder das marcas.                                
A publicidade amósanos un estilo de vida ideal,ficticio pero desexado, vendéndonos polos ollos unhas marcas que pouco a pouco aumentan o consumismo entre a mocidade, transformando o xa antigo tópico de que a necesidade leva á produción, e esta ó consumo, por un modelo no que primeiro se produce e despois se crea a necesidade para, posteriormente, consumir. É esa venda que cobre os ollos dos rapaces e rapazas para poder meter na súa cabeza ganas e máis ganas de gastar, creando un círculo vicioso, e pasando a ser a pescada que se morde a cola.
Espero con ganas o momento no que non vexa tantos mozos quedando con amigos para mercar,  saíndo á rúa co único fin de gastar cartos. Espero impaciente o momento no que a xuventude se dea de conta de que a realidade é dura de afrontar, e de que, por unha vez, poidan cambiar os seus hábitos de consumo, por eles mesmos, polo seu futuro, polo noso futuro .
                                                                                                           
Irene Arto Escuredo