Dosier I


XUSTIFICACIÓN



O noso  dosier  é froito dun traballo organizado empregando distintas fontes  de información a través de todo tipo de soportes.

1.Navegamos na rede em busca de estudos, estatísticas, novas de xornais, vídeos... que nos puidesen dar unha idea da evolución do consumo da xuventude como consecuencia da crise global. En xeral as enquisas atopadas e os estudos realizados  polo instituto Nacional de Consumo son moi atrasados e dado o que cambiou  a situación neste último ano e incluso nestes últimos meses, non puidemos consideralas sempre como  mostras fiables.


2. Fixemos a nosa propia enquisa na contorna do instituto para valorarmos a opinión dos nosos compañeiros. .

Achegamos as cuestións e os resultados da devandita enquisa.


3.Fixemos un seguimento da prensa  para recoller a máxima información sobre o tema nos distintos xornais nacionais, autonómicos e locais.


4.Solicitamos artigos de opinión e textos argumentativos  aos nosos compañeiros de 2º de BAC  para que nos proporcionasen  a súa visión sobre este tema no seu grupo de idade.


5. Recollemos imaxes e vídeos ilustrativos dos distintos puntos de vista que existen sobre o tema que nos ocupa


6. Realizamos entrevistas a xoves de distintos grupos de idade que viven en diferentes  lugares para coñecer a realidade desde un punto de vista máis persoal e humano.


7. E como non podería ser doutro modo , observamos a realidade que nos rodea a nós  e ás nosas familias, amigos..... 


 Está á a servir a crise global para que a xuventude tome conciencia dun consumo responsable?  

A NOSA RESPOSTA É SI


Antes de comezar aclararmos  que   o concepto xuventude é un termo relativamente novo que naceu directamente unido ao consumo e que vai variando a banda de idades co paso do  tempo. No noso traballo consideramos dentro de  xuventude aos mozos comprendidos entre os 14 aos 29 anos, como aparece na maioría dos estudos cos que traballamos. ( 1 )
Tamén concretar que entendemos por consumo responsable a suma do consumo respectuoso co mediambiente, racional e ético. ( 2)
Aclarados estes puntos,  non nos  cabe dúbida de que o impacto da crise económica e financeira está modificando os hábitos de consumo dos cidadáns, despois dun frenético período  consumista, e  por suposto a xuventude non queda á marxe desta tendencia, polo que tamén cambiou os seus hábitos  e se fixo  máis reflexiva , incluso cambiou o concepto do que se entende por consumo responsábel. Ata hai uns anos  os mozos    relacionabamos   o consumo responsable e o desenvolvemento sostible só con  conceptos medioambientais. Hoxe en día relacionámolo tamén con  aspectos económicos e sociais.
            Deixar o fogar familiar , acabar os estudos, atopar traballo, independizarse... dar os pasos que fan que unha persoa pase da mocidade á madurez nunca foi fácil. Nos últimos anos, a crise estoupou poñendónolo  aínda máis difícil á xente nova. Porque tamén nós os mozos e mozas, a sufrimos en todas as súas facetas: moitos  están nas colas do paro, nas listas de endebedados, entre os que traballan para pagarse unha carreira ou estudar un máster, entre o millón de fogares con todos os membros en paro....
               O impacto da crise foi tal que transformou os modelos de consumo, ademais de reforzar valores de comportamento nos que ata entón non se reflexionaba nin minimamente.
Isto é un feito probado non só por estudos e informes, senón tamén polo contacto directo coas persoas que nos rodean.
         Deixando á marxe un sector da xuventude, e nós diriamos que minoritario,  que vive de costas á realidade económica e social, e deixa  tamén fóra aspectos tan básicos como a solidariedade, o coidado do mediambiente...  A mairoía da mocidade está a cambiar   coa realidade social que lle está tocando vivir. Moitos mozos e mozas teñen que madurar a grande velocidade e en moitos casos sufrir as duras consecuencias dunha crise que asolaga as súas perspectivas de futuro.
      Argumentaremos  esta tese  e  achegaremos datos estatísticos de diversos estudos e da nosa propia sondaxe a través de enquisas, entrevistas e mesmo da observación da nosa contorna.
Tentaremos  ser sintéticos e didácticos resumindo en dez puntos os moitos argumentos polos que nós afirmamos tallantemente que a crise global si  fixo evolucionar á mocidade cara a un consumo máis responsable.

1.  Hoxe en día os xoves infórmanse á hora de consumir
           O consumidor novo  entende perfectamente o concepto calidade- prezo  e dispón, máis ca nunca, dunha información sobre o produto que vai consumir a través, non só do etiquetado, senón tamén  doutras fontes de información ás que pode acceder con facilidade.
     Neste sentido as TIC e as redes sociais  abren novas perspectivas para o intercambio de información. É raro que un mozo de hoxe en día non faga un estudo do que máis lle convén á hora de facerse cun produto. As súas compras son máis reflexivas e  menos compulsivas.
 En calquera tenda de informática, por exemplo,  poden constatarnos que é a xente máis nova a que estuda con máis minuciosidade a compra dun ordenador ou calquera outra ferramenta informática.  Analizamos  as características, baixamos folletos en internet, comparamos prezos....

2. O que inicialmente foi austeridade obrigada converteuse logo en hábitos de consumo moito máis reflexivos. 
A crise non deixa outro camiño a moitos mozos e mozas que potenciar a austeridade como unha actitude persoal e contrarrestar a actitude impulsiva da que moitos participaban en tempos máis favorables desde o punto de vista económico.
Os  que teñen a sorte de poder  independizarse dos pais  teñen soldos pequenos e inseguridade laboral, polo que reconducen  moitas condutas consumistas.  Son unha xeración que en moitos casos vive  con máis  estreiteces ca os seus pais e  tivo que aprender   como di o informe Educar e crecer. Espazos e ducativos   que  O diñeiro non é un caixeiro automático, senón que é unha bolsa na que canto máis sacas menos quedan, por iso fixeron moitos cambios na súa vida cotiá:
·         Comparten  o piso con compañeiros para poder facer fronte aos elevados prezos da vivenda.
·         Cando van ao supermercado fan eleccións máis racionais e saben máis o menos canto van pagar.
·         Empregan  o transporte público para desprazarse ao non poder asumir o gasto de combustible  e de aparcamento, especialmente nas grandes cidades.
·         Recorren as marcas brancas e ofertas.
·         Comen en menos ocasións fóra de casa, volvendo ao costume de acudir ao traballo coa friameira cos alimentos preparados en casa.
·         Os mozos  teñen tanto pudor como os adultos para acudir ao  provedor para devolver a compra e manifestar a súa queixa ou incluso  facer unha reclamación ante o servizo de atención ao cidadán.
            ( 3)   ( 4 )
3.  Os mozos cambiaron  a maneira de interpretar a mensaxe publicitaria discriminando a información do engano. 
  Moitos adolescentes e mozos  mudamos tamén  a nosa actitude crédula cara a publicidade que invita a adquirir, a  ter, a  comprar e que  fixo  caer a moitas familias no consumismo. Cando o  poder adquisitivo é menor e o esforzo económico maior, os consumidores teñen  que ser máis coidadosos  e non deixarse seducir pola publicidade enganosa. Ese modelo de vida ideal con mulleres e homes marabillosos que anuncian produtos que se os usas te convertes nun deus da perfección…. Non é un modelo crible para os mozos. Moitos entenden perfectamente que a marca está intentando crear neles unha necesidade que non teñen.
Á maioría dos rapaces xa nos falaron nos Centros educativos dos mecanismos que emprega  a publicidade, do machismo que agocha, da publicidade subliminal, do engano aos máis pequenos….  Pois entender a linguaxe da publicidade tamén é cuestión de aprendizaxe, como todo o demais.

 4. A necesidade estimula a creatividade na mocidade . O principio do século  XXI foi testemuña    do rexurdir de solucións imaxinativas e cooperativas para enfrontar a  crise económica.
 A crise leva a moitos mozos a explorar a súa creatividade para recortar gasto  e recorren con frecuencia aos sitios de venda en internet para aumentar os seus ingresos, vendendo todo tipo de obxectos, roupa ou mobles que non usan. O mercado de segunda man a través da rede é unha maneira de reutilizar e de sacar proveito a materiais e aparellos diversos. A segunda man perdeu a carga pexorativa que tiña noutras épocas e hoxe é unha practica habitual entre os mozos. Pequenas iniciativas de intercambio e comunicación na rede deron lugar a grandes empresas sempre da man de xente moi  nova.
 Existen tamén  innumerables iniciativas de mozos emprendedores  que levan adiante empresas orixinais e novidosas.

5. Substituír consumo por  formación comeza sendo unha necesidade, pero cambia a perspectiva da xuventude cara a un consumo máis responsable e un maior compromiso social.
A crise fixo tamén que moitos rapaces tomasen  conciencia da súa escasa competencia profesional , da súa falta de formación e dedicasen parte do seu  tempo á formarse.. De todos é coñecido o tremendo aumento de  mozos e mozas nos institutos para  adultos ( EPA) tentando sacar o título de ESO ou de Bacharelato; nas Escolas de Idiomas, ciclos formativos etc.
Non cabe dúbida de que este contacto cos estudos, cambia a súa forma de afrontar o seu futuro  e axúdaos  a subir a súa autoestima, e tamén a tomar conciencia dun consumo máis responsable e a dar importancia ás cousas que realmente a teñen, renunciando a aparellos e gastos que ata agora parecían irrenunciables.    

6. A difícil situación da xente que os rodea achega a moitos xoves ao voluntariado e a solidariedade.
 Alguén dubida de que hai un sector importante da xuventude  que se   activa fronte as dificultades económicas ? Moitos mozos  orientan  o seu traballo cara   o voluntariado. Hai moitas iniciativas solidarias relacionadas coa reutilización de bens: tendas sen custos para adquirir roupa ou  complementos. Intercambio de calquera tipo de obxectos, intercambio de traballo por traballo , Solidariedade reivindicativa apoiando aos que son vítimas da inxustiza desta crise: desafiuzamentos, despidos inxustos...
 En xeral todos os xoves que participan nestas e noutras iniciativas similares, viven en contacto coa realidade  que os rodea, detectan as necesidades e  aprenden un modo máis equitativo de entender as relacións sociais o que sen dúbida leva aparellado un cambio na súa maneira de consumir.
Finalmente, gustaríame remarcar que a maioría dos voluntarios de Greenpeace son menores de 35 anos. Se temos en conta que esta é unha organización na cal un dos seus obxectivos é o consumo responsable, podemos sacar conclusións.
7. Son os máis novos os que responden ás iniciativas  de traballo cooperativo e agricultura ecolóxica.
Son maioritariamente familias novas as que responden aos ofrecementos dos Concellos de terras sen custos ao a baixo custo  a cambio de participar  en cooperativas con  proxectos emprendedores de agricultura ecolóxica, de trocos de produtos e servizos.  Familias que se mudan das cidades para emprender unha vida nova na que pretenden  educar aos seus fillos nun  sistema de valores distinto,  non consumista, respectuoso co mediambiente, baseado no traballo cooperativo.

8. Os estudos máis recentes  falan de que coa crise está a producirse un decaemento do ocio de Centro comercial, paraíso artificial e negocio redondo. Calquera pode constatar se  achega a Area Central en Santiago, Dolce Vita en Ferrol, etc. que existen numerosos locais pechados por non ser rendibles e que moitos dos mozos adolescentes acoden con moita menos regularidade.
Seguro que a maioría de nós experimentou este Nadal  como os centros comerciais contaron con menos xente da esperada, tanto de público adulto como xuvenil.
    Foi necesario en toda España adiantar as  de rebaixas para salvar a campaña  E isto porque?  Pois  porque a maioría de nós, os xoves dependentes  e tamén os independentes economicamente, aprazamos as nosas compras ata as rebaixas. Aquelas condutas  compulsivas de moitos mozos para ir á moda estanse a modificar.
Por outra parte, son cada vez máis os rapaces que responden a iniciativas dos concellos con ocio alternativo: obradoiros, música, deporte, campamentos urbanos.... Iniciativas que malia funcionar están a desaparecer, en moitos casos  por  mor da crise, que fai que se dediquen  os fondos dos concellos a outras actividades.   http://www.ferrol.es/documentos/ardora_1s_2011.pdf

9.                  Tamén é unha nova tendencia entre a mocidade entender os   efectos positivos da compra local como un primeiro paso cara un consumo más responsable, por asumir que as súas decisións de compra si teñen  un impacto sobre o mundo no que vivimos e  entender que é unha boa forma de contribuír  a  que non se perda emprego ou mesmo se cre.
 Comezan a aflorar as tendas  “100% made in Spain”  nas grandes cidades e moitas delas están empezando a contactar con veciños en busca de apoio. http://www.comprasmadeinspain.com/  

10.  O grupo de rapaces obsesionados pola marquite son unha minoría e tamén esta decaendo.
      As estatísticas sempre poñen de relevo que a xuventude esta obsesionada polas marcas: zapatillas Converse, botas Hunter, Tableta de Apel... Pero botade unha ollada ao voso arredor , mirade nas vosas aulas, centros de traballo…. Comprobaredes axiña que este perfil é minoritario. É posible que haxa algúns grupos de clase media moi acomodada onde este sector sexa maior.  Pero a meirande  parte dos rapaces das aulas dos institutos galegos de cidades, vilas e zonas máis rurais teñen cero preocupación polas marcas. ( Estudo de creafutur ).
E a última reflexión, cal credes que a tenda que aumentou máis as súas vendas de roupa e calzado, a pesar da crise? Pois en España, sen discusión ZARA.
Podemos concluír  reafirmándonos na idea  de que son moitos os indicadores que si  demostran que a nosa xuventude non queda á marxe de ningunha das circunstancias que a rodea.
A xuventude de hoxe en día é cada vez máis consciente dos problemas económicos do mundo que  e que  marcarán o seu futuro polo que cada vez  mostran maior interese en adquirir coñecementos sobre a situación económica do seu contorno, pois é un tema clave que marcará a súa vida. Estamos persuadidos de que nestes momentos  son moitos os indicadores que nos mostran  que si camiñan cara un consumo máis responsable nos tres aspectos que engloba: ecolóxico, racional e ético
Porque para nós, a mocidade, o consumo tamén está relacionado con unhas perspectivas estables. Se nos detemos para concluír nas estatísticas da EPA sobre paro xuvenil en España, o máis alto de Europa, xa por enriba do 55%, case non ten cabida a pregunta sobre consumo responsable, porque moitos mozos e mozas non poden realizar ningún consumo.
 Que perspectivas nos deixou a poboación hoxe madura e adulta,  aos que se presupón un consumo máis responsable ca o noso? 

-.-.-.-.-.-.-

Está á a servir a crise global para que a xuventude tome conciencia dun consumo responsable?

A NOSA RESPOSTA É NON
      
Antes de comezar aclararmos  que   o concepto xuventude é un termo relativamente novo que naceu directamente unido ao consumo e que vai variando a banda de idades co paso do  tempo. No noso traballo consideramos dentro de  xuventude aos mozos comprendidos entre os 14 aos 29 anos, como aparece na maioría dos estudos cos que traballamos. ( 1 ) Tamén concretar que entendemos por consumo responsable a suma do consumo respectuoso co mediambiente, racional e ético. ( 2)

  Aclarados estes puntos, nós defendemos que a crise económica global  non está  facendo que  xuventude, en ningún dos tramos de idade explicados,  tome  conciencia dun consumo responsable, máis ben nalgúns casos se ve obrigada a reducir gastos por necesidade.
        Os gastos da xuventude de hoxe en día, a pesar de seren totalmente prescindibles, son para eles absolutamente irrenunciables. Son moitos os que dan máis  importancia ao ocio, ás compras, á estética, aos aparellos electrónicos  que a outras actividades; teñen escasa capacidade de distinguir entre necesidades reais e impostas e moi raramente se  preguntan  polas condicións sociais e ecolóxicas nas que foi elaborado un produto ou servizo.
        Neste sentido estamos de acordo co escritor francés Émile Zola cando afirmaba  “a xuventude é inmoderada nos seus desexos”. A idea de que  maioría da mocidade limite os seus gastos e acomode o seu consumo á situación económica actual resulta moi difícil.
          Aínda que pareza incrible, son moitos os indicadores que nos permiten concluír que    hai moi pouca concienciación entre os mozos acostumados  a poder permitirse conseguir  aquilo que desexan.
        Argumentaremos esta tese e achegarenos  datos estatísticos de diversos estudos e da observación da nosa contorna.
Trataremos de  ser sintéticos  resumindo en dez puntos os moitos  argumentos polos que nós afirmamos tallantemente que a crise global non fixo evolucionar á mocidade cara a un consumo máis responsable.

1. Para moitos mozos o seu patrón de ocio é  ir de compras: van  ao centro  comercial e pasan  a tarde de escaparates, compras.... Rapaces que  xamais viviron  pensando no aforro. Se queren algo o teñen xa e  segundo van facéndose maiores tenden  a consumir tirando do crédito. Pois como di o estudo: España consumismo a  calquera prezo : ( 3 )
 Agora xa non se constrúen catedrais. Constrúense  centros comerciais, a meca dos consumidores. En España hai arredor de 500 centros comerciais que  reciben  máis de 1000 millóns de compradores. "Estes lugares son a nova forma de facer cidade, son os substitutos das antigas prazas públicas", asegura Javier García Renero, presidente de la Asociación Española de Centros Comerciais. "Son lugares onde no hai problemas de aparcamento, onde a temperatura é ideal e todo e alegre e brillante". Un paraíso artificial e un negocio redondo que engancha aos nosos mozos.

 2. Tamén nos últimos anos foron medrando entre os rapaces  necesidades impostas en grande medida polas  multinacionais, a publicidade, o marquetin e os medios de comunicación , alicerces da SOCIEDADE DE CONSUMO. Moitos mozos convértense en meros espectadores dos  medios de comunicación,  manipulados polo comercio e as grandes empresas. Deixan de consumir o que precisan e pasan a necesitar o que consomen.
         Antes  a cadea de consumo era:   NECESIDADE >  PRODUCIÓN >  CONSUMO
        Agora                 PRODUCIÓN >  CREACIÓN DE NECESIDADE >  CONSUMO
A influencia destes medios é tan poderosa e ás veces tan perigosa que incluso se subtitúe  o concepto de saúde corporal  polo que socialmente é aceptado como fermoso. Este tipo de consumo leva a moitos rapaces a padecer enfermidades  como a anorexia, bulimia, vigorexia....
Esta ditadura da información manipulada instaura  no individuo unha realidade ilusoria que favorece o reducionismo do ser humano limitándoo a uns roles carentes de valores tales como o respecto, a solidariedade ou  integridade social.

3.  Unido directamente á necesidade  de consumir dos mozos está todo o relacionado coa a aparencia externa  ( roupa, calzado, peiteado, vernices de uñas, etc.). Todo unido á ir á  moda á  seguir as tendencias. Un engano pois os  empresarios e publicistas saben que a moda é unha carreira de obstáculos preparada para que  as persoas  non consigan realmente ter unha imaxe  positiva de si mesmos.segundo o estudo de CREAFUTUR un adolescente destina principalmente o seu gasto a consumir roupa e tecnoloxía mediante as que reafirma a súa propia identidade e iso, segundo a súa proxección seguirá así ata o 2020.
     Non semella que a crise estea convertendo aos nosos mozos en persoas comedidas tampouco neste terreo. É certo que algúns comerciantes se queixan de que venden menos do que vendían, e tamén é certo que hai mozos que restrinxen o gasto, pero limitar a desmesura ou o exceso, non sempre é un exercicio de responsabilidade no consumo. Esta redución adoita darse máis pola necesidade, real e dura, que obriga a apertarse o cinto, que por iniciativa propia e/ou como froito dunha reflexión. Se hai cartos, gástanse!. E se non os hai ( que remedio queda!) non se consome, mais gañas non lles faltan. En definitiva, é a necesidade a que leva a un consumo menor; non nos enganemos: menor consumo non implica consumo máis responsable.

4.  Estreitamente ligadas  á moda e á publicidade están  as marcas,  malia a crise a  sociedade capitalista segue impoñendo  en moitos do xoves a ditadura das marcas impulsadas  por unha  publicidade que  utiliza técnicas de condicionamento psicolóxico cada vez más depuradas  e perfeccionadas.
    Todo o mundo di que non ten “marquite”, pero as marcas están aí, cada vez gañando máis cartos sobre todo a costa dos mozos ... No fondo a marca é  un sinal de distinción,  significa levar un artículo  recoñecido por todos. E os xoves, a unha idade concreta, o  que buscan es lexitimidade no seu  grupo.(  4 )
5. Outro foco arredor do que xira o consumo xuvenil son os aparellos tecnolóxicos: consolas, móbiles, ordenadores, tablets, móbiles....  Acaso a crise fixo que a mocidade consumise menos en teléfono móbil? A cantos rapaces coñecedes que renunciasen aos seus teléfonos móbiles? A resposta semella obvia. Quizais se preocupen por conseguir mellores tarifas, pero isto sempre foi así, e non nos enganemos! Non implica, por suposto un consumo responsable. Ademais este interese polo prezo das tarifas  non se corresponde co desinterese que mostran na adquisición dun móbil de baixo prezo. Daquela búscase o último modelo, que adoita ter maiores prestacións, acompañadas case sempre de maiores custos .
 Velaí van algúns datos que demostran a nosa tese:  ( 5 )
O 80% dos xoves elixirían gastar os seus últimos  10 euros en recargar o móbil antes ca en comida. O 60% don xoves dorme co teléfono móbil. 
6.  Outro hábito que se mantén e mesmo medra é o das celebracións, saídas e unido a elas o  consumo de alcohol e drogas  ( case todo se celebra) de multitude de eventos, tradicionais ou de máis recente incorporación: festas de vacacións, festas de Halloween, de despedida do curso, de aniversario, as sonadas festas universitarias, os botellóns....   por non mencionar outras ás que acoden os mozos con entusiasmo, aínda que ás veces teñan que pagar  entradas a prezos incribles, amais de soportar, nalgunha ocasión o pago do desprazamento ou/e do vestiario  para a ocasión. E necesario e racional este gasto? Adoptan os mozos a postura de consumidores responsables ou son os cartos os que marcan a limitación do consumo tamén neste capítulo?
      O consumo de alcohol e substancias tampouco é alleo a un sector demasiado numeroso de rapaces, consumo que moitas veces vai unido a unha necesidade de ser recoñecido no grupo, de desinhibición ou de fuxida e que acaba en adiccións ou hábitos perigosos para a saúde física e mental dos mozos.  Os datos indican  que a crise  provocou  unha caída del 11% das  saídas nocturnas mentres que o consumo de drogas para "evadirse dos  problemas" aumentou nun  63%
  Un estudo  psicosocial sobre hábitos de consumo de drogas en contornas de leceres realizado polo CIS expón tamén un empobrecimento en xeral do lecer que se fai cada vez máis caro. A subida de prezos das actividades lúdicas causou un incremento do fenómeno do botellón que pasa do 31,7% en 2009 ao 37,8% en 2011. Neste contexto prodúcense os primeiros consumos de alcohol dos mozos. Ademais, a crise tamén provocou unha crecente adulteración e manipulación das sustancias sen as elementais.
7. Tampouco parece que a crise estea levando aos mozos a un consumo máis saudable en canto á alimentación. Os establecementos de comidas rápidas: hamburgueserías, pizzerías, etc, esténdense como a pólvora e os seus principias clientes son os  adolescentes e mozos que acoden   de forma habitual. A este tipo de comidas en expansión hai que engadir o exceso de azucres a base da bolaría, lambetadas, consumo excesivo de refrescos azucrados, etc.  que se relacionan directamente coa obesidade, diabete xuvenil, etc.  Tampouco hai que esquecer  a obsesión de moitos rapaces e rapazas   por  consumir  produtos  light , baixos en calorías, adelgazantes ou estimulantes, deixándose levar por campañas agresivas de publicidade que prometen metas imposibles. 
8.  Non podemos esquecer tampouco a un grande número de mozos de máis de vinte anos que  viven  instalados nunha especie de adolescencia eterna. As dificultades que lles puxo a vida para emanciparse provocaron que prolonguen a adolescencia no tempo;  é o chamado Síndrome de Peter Pan, como o bautizou o psicólogo Dan Kiley. Son eles mesmos os que se presentan como consumistas, egoístas, preocupados só  polo  presente e con pouco sentido do  deber e do sacrificio. Son como nenos grandes  que teñen medo ao compromiso e en moitos casos son esixentes cos pais dos que dependen economicamente.
Moitos destes mozos que se viron obrigados á volver a casa dos pais por mor da crise teñen escasa comunicación coa familia e  pasan horas no  seu cuarto rodeados do seu mundo tecnolóxico, gastando moitas horas do seu tempo en partidas on line coas consolas ou simplemente comunicándose a través das numerosas redes sociais.
9. A pesar da crise a mocidade non se concienciou para desenvolver un consumo ético, isto é procurar informarse a cerca das condicións sociais nas que o produto foi elaborado e  como chegou a nós. De feito coa crise aumentou moito o consumo de produtos que se piden a China por internet  sen garantías do proceso de fabricación e incluso sabendo que son imitacións. Son moitos os mozos que nunca oíron falar do comercio xusto, solidario ou ecolóxico e son incapaces de citar nin unha soa iniciativa deste tipo. Constátase no estudo que realizou a Instituto de Consumo Vasco sobre xuventude e consumoe CREAFUTUR. (páx. 20)
10. Recentemente tamén está aumentando entre os mozos unha nova forma de consumo perigoso para   a saúde. A necesidade de someterse a tratamentos estéticos convértese  nunha obsesión por conseguir  aproximarse aos canons de beleza impostos pola publicidade e  a ditadura dos talles. Os expertos alertan do auxe destas intervencións entre o adolescentes. A esas idades poden provocar problemas no seu desenvolvemento.  ( 6 )     
11. A mocidade actual apenas coñece a cultura de compartir. Vivimos maioritariamente en fogares con poucos irmáns e somos cada vez máis individualistas. (CREAFUTUR, 21)
  Despois de todo o exposto concluímos reafirmándonos en que a crise non está levando á xuventude a un consumo máis responsable, máis ben ao contrario: condúceos á frustración de non poder ter o que antes posuían. Moitos mozos e mozas limitan os seus gastos porque non lles queda máis remedio, pero seguen enganchados  ao desexo de posuír as cousas cotiás, as que hai ao seu arredor e que se consideran socialmente desexables. Estamos en mans dos empresarios e os publicistas que xogan connosco con artimañas e técnicas que poden chegar a facer que un produto sexa rendible incluso antes de existir.       ( 7 )  ( 8)
Está claro que a necesidade de carecer, de apertarse o cinto, á que se ve abocada á xuventude non vai acompañada doutra serie de aprendizaxes e comportamentos que serían necesarios para  chegar a un consumo máis  responsable e reflexivo. O camiño  cara a un consumo  responsable é moito máis longo e non se consigue sen unha reeducación que incida en reafirmar a capacidade crítica que axude a descubrir as mensaxes solapadas, as pretensións dos demais, etc., a información sobre técnicas e manexos empregados polo marketing e a publicidade, a automotivación  para facer as cousas polo seu ben e polo dos demais e non necesariamente para recibir unha compensación, a autoestima e confianza en si mesmo para non ten que buscar a aceptación desmedida do grupo  e sintan que para integrarse ha facer todo o que fagan os demais e como o fagan os demais e O sacrificio de pospoñer a satisfacción inmediata dos desexos que só se aprende se se experimenta.